noticia

A alcaldesa e o edil de Promoción Económica asistiron ao acto inaugural das instalacións de Cofer no polígono industrial de Río do Pozo

11/05/2018

A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) inaugurou esta mañá as súas novas instalacións no Centro Arena 40, no polígono industrial de Río do Pozo. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica e Xestión de Polígonos, Pablo Villamar, acudiron ao acto, acompañando ao presidente de Cofer, Cristóbal Dobarro, e a unha vintena de empresarios asociados a esta entidade. Todos eles realizaron un percorrido polas instalacións desde as que comezará a operar Cofer, que representa a máis de duas mil empresas e a unha vintena de asociacións empresariais.
Dobarro agradeceu “especialmente o apoio do Concello de Narón, porque grazas á súa axuda estas instalacións son unha realidade” e asegurou que a presencia de Cofer en Narón “permitirá achegar máis as asociacións empresariais á realidade da nosa industria e das nosas empresas”. “Pola súa importancia no ámbito empresarial, o Concello de Narón estivo sempre moi presente nas actividades de Cofer e hoxe damos un paso máis para estar máis preto de todo o tecido empresarial naronés”, subliñou. Así mesmo, explicou que as instalacións hoxe inauguradas serán compatibles coas operativas en Ferrol. “As actividades ordinarias vanse alternar entre Ferrol e Narón e tamén queremos que sexa un espazo de encontro e desenvolvemento das actividades dos empresarios, sexan ou non de Narón, para que estas instalacións sexan un referente para os empresarios e empresarias e as sintan como a súa casa”.
O concelleiro de Promoción Económica deu a benvida a Cofer á cidade, asegurando que “se por algo destacou Narón, e queremos seguir mantendo ese pulso, é por esa colaboración coas entidades empresariais e cos empresarios e empresarias para que se instalen aquí”, asegurou Pablo Villamar. En referencia a esa colaboración, o edil naronés recordou que o Concello colabora tamén con outras administracións para sumar esforzos de cara a axudar ao sector, e ao respecto aludiu á recente adhesión á iniciativa autonómica Doing Bussines, que contempla importantes descontos –de ata o 95%- no IBI, ICIO e IAE para aquelas empresas que cumpran uns requisitos.
Pola súa banda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, valorou o feito de que Cofer teña unha nova sede na cidade, neste caso no polígono industrial de Río do Pozo e destacou a importancia desta entidade e tamén a súa traxectoria no sector. “En Narón sabemos a importancia que ten o sector empresarial e somos conscientes de que hai que coidar dos nosos empresarios e empresarias, conseguir que veña máis xente para a cidade e tanto Cofer como calquera outra entidade ou iniciativa empresarial que queira vir a Narón ten abertas as portas do Concello para plantexar calquera iniciativa”.
Foi a propia alcaldesa, Marián Ferreiro, a encargada de inaugurar oficialmente as instalacións, a petición do presidente de Cofer, Cristóbal Dobarro, e ante a presenza de socios desta entidade.

Activate en el centro


Ruta Construcción Naval


Próximos eventos

no hay eventos próximos

Plan Ferrol

Contacto

Teléfono:
981 333 322
Fax:
981 358 544
Email: