noticia

Reunión da coordinadora comarcal

28/02/2020

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu a reunión da coordinadora comarcal da que forma parte o Concello, xunto cos de Ferrol, As Pontes, As Somozas, San Sadurniño e Ortigueira e tamén os sindicatos CIG, CCOO e UGT e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), para abordar diferentes actuacións que se levarán a cabo para continuar traballando a prol da potenciación e desenvolvemento socioeconómico das comarcas, fin para o que se constituíu o citado organismo. Na xuntanza celebrada esta mañá no Concello naronés –ás 12.00 horas- estiveron tamén presentes o alcalde de Ortigueira, Juan Vicente Penabad; a concelleira de Industria de As Pontes, Ana Pena; o presidente da Confederación de Empresarios, Cristóbal Dobarro e Roberto Hermida, integrante da citada entidade; e os secretarios da CIG, Manel Grandal; de UGT, José Antonio Díaz, e de CCOO, Santiago Díaz.

No transcurso da xuntanza os asistentes incidiron na necesidade de desenvolver o documento base aprobado nos concellos contra o esmorecemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sumidas dende o ano 2008 nunha crise que na actualidade “ameaza gravemente este territorio, con consecuencias como a perda constante de poboación dende inicios dos anos 80”. O descenso no número de empresas, a falta de traballo no sector naval, o peche de actividade de Endesa e o futuro dos sectores metalúrxico e da madeira, así como o abandono das infraestruturas, son algúns dos temas para os que se esixen solucións.

Co obxectivo de abordar directamente estes asuntos co Goberno central acordouse solicitar entrevistas de xeito inmediato nos Ministerios de Transporte e Mobilidade, para analizar a situación das infraestruturas viarias e ferroviarias e o chan industrial das tres comarcas; de Facenda, para abordar un dos temas máis candentes, a modernización do asteleiro, e co Ministerio de Transición Ecolóxica, para tratar a situación de empresas vitais localizadas na comarca como Megasa (Narón), Intasa (San Sadurniño), e a actual situación de Endesa (As Pontes).

Ao remate da reunión os integrantes da Comisión realizaron un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación comarcal convocada en Ferrol o vindeiro 15 de marzo, con saída dende Porta Nova e chegada á Praza de Armas, para urxir a reindustrialización das comarcas.

Activate en el centro


Ruta Construcción Naval


Próximos eventos

no hay eventos próximos

Próximos cursos

no hay cursos próximos

Plan Ferrol

Contacto

Teléfono:
981 333 322
Fax:
981 358 544
Email: